Celebrado o día da provincia da Coruña en Xantar – Ourense

Cedida.

O día da provincia da Coruña na Feira Gastronómica Xantar de Ourense convocou un intenso programa no que a oferta dos concellos foi a protagonista nunha xornada na que o vicepresidente e responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, defendeu a súa aposta polo territorio como ” destino sostíbel e de calidade o que está a ser a gran fortaleza do sector neste cambio de modelo que se está a experimentar no turismo a nivel internacional”.

A calidade e a oferta gastronómica do territorio dos distintos concellos da provincia da Coruña foi este venres protagonista na Feira Gastronómica Xantar que se desenvolve até o domingo día 10 en Ourense. Ademais de preparacións ao vivo, degustacións e presenza activa de distintos concellos e centros gastronómicos da Coruña, a xornada incluíu o acto oficial en que o vicepresidente e deputado da área de Turismo, Xosé Regueira, destacou as oportunidades que se abren para un destino sostíbel e de calidade nun momento en que “o cambio de modelo no turismo a nivel internacional é xa unha realidade, con tendencias que mostran a preocupación pola sustentabilidade, por evitar os custes medio ambientais dos transportes aéreos e o consumo rápido, o que abre novas expectativas a un territorio como o noso”, sinalou Regueira na súa intervención.