- O evento celebrado no Pazo da Cultura de Carballo coincidiu co Día Mundial sen Alcohol, e tivo a presenza dun stand informativo no que puido retirarse información cos programas que ofrece a Unidade de Condutas Adictivas (UCA).
- Participaron como oradores ademais do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez; Luciano Vidán, presidente do Colexio de Médicos da Coruña, os Drs. Juan Carlos Díaz e Alejandro Ávila, e o alcalde de Carballo Evencio Ferrero.
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, desculpou a presenza do Presidente, e subliñou o valor do persoal médico como actor destacado do sistema sanitario durante a súa participación este sábado no I Encontro Médico de Bergantiños celebrado en Carballo. “Da súa actuación, da súa calidade profesional e humana, depende o nivel de calidade do servizo e, por tanto, a percepción do paciente”, destacou Almuiña, que remarcou tamén “o seu carácter vocacional e a súa actitude de alerta permanente”.
O titular de Sanidade citou o recoñecemento da carreira profesional e a aposta sostida pola estabilidade da man de ofertas de emprego público anuais e do novo contrato de continuidade como parte das medidas impulsadas polo departamento que encabeza para seguir avanzando na mellora das condicións dos seus cadros de persoal. “O documento máis importante de planificación da Consellería de Sanidade, a Estratexia Sergas 2020, recolle a importancia de ter profesionais comprometidos e coidados pola organización e así o estamos a facer”, indicou o conselleiro.
A parte máis emotiva deste encontro foi a homenaxe a unha figura histórica da medicina e a colaboración social en Carballo, como foi o desaparecido médico carballés Eduardo Mariño, representado pola súa filla Mónica Mariño.