A Casa da Cultura da Laracha acolleu este venres unha histórica xornada de participación cidadá protagonizada pola infancia e a adolescencia do municipio. O acto desenvolveuse ante un patio de butacas ateigado de público, entre o que se atopaban concelleiros dos tres grupos municipais, pais e nais dos voceiros do Pleno e alumnado e profesorado dos centros de ensino do concello da Laracha.
O Pleno estivo presidido polo alcalde, José Manuel López Varela, e a edil de Servizos Sociais, Rocío López, actuou como secretaria. Contouse coa participación activa dun total de 22 voceiros:
- 4º do CEIP Otero Pedrayo: Carmen Domínguez, Ézaro Fábregas e Antía Seijas.
- 5º do CEIP Otero Pedrayo: Borja Blanco, Lucía Lamas e Lola Negreira.
- 6º do CEIP Otero Pedrayo: Nor Islam Hrimou, Gabriela Rodríguez e Martín Martínez.
- CEIP de Caión: Diego Queiro, Xabier Rey e Adrián Cambón.
- CEIP Alfredo Brañas: Noa Penide, Diyaa Eddene Hrimou e Julia Ramilo.
- 1º ESO do IES Agra de Leborís: Iker Aldao, Darío González e Brais Ponte.
- 2º ESO do IES Agra de Leborís: Adam Gtairi, Lucas Varela e Héctor Pallas.
- Espazo de Participación Infantil e Adolescente da Laracha: Eva Misu, Raquel Castiñeiras, Mateo Rey e Lucía Pérez.
Todos eles presentaron propostas de diversa índole centradas especialmente en mellorar o proxecto do futuro Edificio Interxeracional no que se vai transformar o Edificio de Servizos Múltiples da Laracha, a que será unha infraestrutura municipal chamada a favorecer o encontro entre persoas de diferentes xeracións. O alcalde avanzou que está previsto sacar a licitación o proxecto a próxima semana e que o prazo de execución das obras será dun ano aproximadamente.
Ademais dese tema principal, os voceiros tamén tiveron ocasión de formular outras propostas de interese para a infancia e adolescencia, reflexionando sobre a vida no concello desde a súa perspectiva e expoñendo ideas para mellorar o benestar e a convivencia.
Outro dos puntos salientables da sesión foi a ratificación, por unanimidade de todos os voceiros, do acordo para solicitar a UNICEF o recoñecemento da Laracha como Cidade Amiga da Infancia, un paso importante no compromiso municipal coa promoción dos dereitos da infancia.
Cabe destacar a excelente acollida das propostas por parte do alcalde, así como a súa proximidade e complicidade cos nenos e adolescentes participantes, animándoos a seguir involucrándose na vida pública e a facer valer a súa voz.
Este primeiro Pleno Infantil reafirma o compromiso do Concello coa participación activa das novas xeracións. A sesión foi emitida en directo pola canle de YouTube do Concello da Laracha, onde a gravación está dispoñible para o seu visionado íntegro.