Este mércores tivo lugar un simulacro de accidente aéreo no aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela co obxectivo de analizar a coordinación dos distintos colectivos que actuarían ante unha emerxencia destas características e avaliar a capacidade de resposta e os procedementos establecidos no seu Plan de autoprotección e os doutros organismos implicados, ao mesmo tempo que se ensaia a activación do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) no nivel 2 e do Plan de atención a vítimas e familiares.
O exercicio simulou o accidente dun avión con 20 persoas -16 pasaxeiros e 4 membros da tripulación- durante a manobra de despegue, saíndose da pista e producíndose un incendio na zona de prácticas que obrigou a activar o Plan de autoprotección do aeroporto.
Unha parte do simulacro centrouse no que sería a atención aos familiares das vítimas. Ante accidentes destas características, adoitan desprazarse varios familiares ata o lugar dos feitos, de aí que sexa importante verificar os protocolos e procedementos neste ámbito. Neste caso contémplase a habilitación dun Centro de Recepción de Chamadas para os familiares que se atopan fóra de Santiago e desexen desprazarse como un Centro de Atención a Familiares desde o que se poida prestarlles unha atención máis adecuada e a información actualizada.