A Deputación da Coruña abriu o seu salón de plenos para recibir a Celsa Díaz Cabanelas , recoñecida este ano como Republicana de Honra pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, destacou na súa intervención o papel, silenciado, das mulleres na historia e da longa traxectoria de compromiso de Celsa Díaz Cabanelas.
Nun acto en que participaron representantes dos distintos grupos presentes no pleno da Deputación da Coruña -Bernardo Fernández e Antonio Leira do PSdG-PSOE, Goretti Sanmartín do BNG e Rocío Fraga e Claudia Delso de En Marea- a vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei presidiu a recepción oficial no salón de plenos a Celsa Díaz Cabanela e destacou o papel das mulleres na historia e a necesidade de recuperar a súa memoria.
Na súa intervención, Celsa Díaz Cabanelas lebrou a orixe de compromiso da súa familia, de seu pai aviador republicano, profesor e químico represaliado e da súa nai e mesmo da súa irmá Victoria, tamén detida nos anos sesenta e torturada. «A República está no meu ADN», dixo arredor da súa traxectoria de compromiso político e social que a levou a vivir momentos durísimos como cando, despois de comezar a súa militancia nas Xuventudes Comunistas, foi detida e tivo que presenciar a tortura dos compañeiros por orde da garda civil. «Eramos activistas, con moitas inquedanzas», expiicou.
Celsa Díaz Cabanelas destacou que, despois daquela loita, chegou «a arma de destrución masiva, a heroina» que a levou a se comprometer no Comité Anti-Sida que na actualidade preside.