Tratouse dunha iniciativa dirixida a persoas maiores de 55 anos, xubiladas e pensionistas empadroadas no municipio. Formaron parte da expedición o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira responsable da área de Servizos Sociais, Rocío López.
A xornada incluíu visitas guiadas ao asturiano Museo Etnográfico de Grandas de Salime e a Ribadeo, vila luguesa onde os participantes compartiron o xantar.
Máis aló do percorrido cultural e turístico, este tipo de excursións que leva a cabo o Concello teñen unha importante dimensión social, xa que son propostas que permiten saír da rutina, compartir experiencias e fortalecer os vínculos entre as persoas participantes, creando oportunidades para relacionarse con xente e manter unha vida social activa.
O Concello continúa apostando por actividades que favorecen o benestar das persoas maiores, a convivencia e o envellecemento activo, prestando tamén atención á prevención da soidade non desexada.
