Cen persoas participarán no novo programa integrado de emprego da Laracha

Presentación PIE en A Laracha_Concello

  • Terá unha duración de doce meses e vai dirixido a persoas desempregadas

O Concello da Laracha acollerá un novo programa integrado de emprego (PIE) grazas á colaboración entre o goberno local e a Consellería  de Emprego e Igualdade, que financiará un proxecto que alcanza os 250.000 euros. Así o anunciaron este mércores o rexedor, José Manuel López Varela, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

Este será o terceiro programa destas características que se vai realizar no municipio larachés tras os «bos resultados no aspecto formativo e de inserción obtidos nos anos anteriores», sinalou o rexedor, quen tamén salientou que o tipo de formación ofertada, centrada en sectores moi diversos como o comercio, a loxística e a atención sociosanitaria a persoas dependentes son especialidades «con demanda actual de traballadores cualificados». Nesta edición participarán cen persoas, cun obxectivo de inserción laboral dun mínimo do 36%.

O delegado da Xunta na Coruña, pola súa parte, apuntou que unha das apostas máis importantes da Consellería de Emprego e Igualdade son «os programas formativos que, cada vez máis, están orientados a cubrir as demandas reais das empresas das contornas, o que permite unha posterior integración laboral máis alta».

O novo programa integrado de emprego da Laracha contará con dous orientadores laborais e un auxiliar administrativo. Terá unha duración de doce meses e vai dirixido a persoas desempregadas, dando preferencia a determinados colectivos con maiores dificultades de atopar un posto de traballo como mulleres, persoas menores de 30 anos ou maiores de 45 e desempregados de longa duración. En calquera caso, para poder participar no procedemento de selección é imprescindible estar dado de alta como demandante de emprego.