A aprobación dos orzamentos de Guatemala con nocturnidade e de maneira pouco ortodoxa -na madrugada e sen que todos os deputados estivesen presentes- inflamou as rúas do país. Do lume metafórico das rúas, que cristalizou este sábado nunha protesta multitudinaria na capital, ao lume literal no edificio do Congreso, no que arderon varias oficinas ata que os exaltados foron desaloxados por forzas de seguridade e corpos de bombeiros, que apagaron o incendio.
Os manifestantes, na súa maioría encapuchados, romperon a porta da entrada ao Parlamento e tamén as xanelas, lanzando fachos de lume ao interior e avanzando para destruír as instalacións. Durante uns 10 minutos foron capaces de inflixir moitos danos no edificio. Os deputados non se atopaban no hemiciclo e polo momento non se divulgaron datos sobre feridos ou falecidos dentro do Congreso, situado no centro da Cidade de Guatemala.
Artistas, colectivos e ducias de entidades convocaran esta marcha de rexeitamento ao orzamento do Estado para 2021, aprobado polo Parlamento, na súa maioría oficialista, e presentado polo Goberno de Alejandro Giammattei. O presidente guatemalteco reaccionou ás manifestacións mediante unha mensaxe nas súas redes sociais, no que indicou que «se ten o dereito de manifestar conforme a lei» pero «tampouco poderemos permitir que se vandalice coa propiedade pública ou privada».