Centos de deportistas daranse cita o 8 de outubro na VII Carreira popular Dolmen de Dombate


O Concello de Cabana acollerá o vindeiro 8 de outubro a sétima edición da carreira popular Dolmen de Dombate, na cal se darán cita centos de corredores para participar nunha proba integrada no circuíto de carreiras da Deputación da Coruña.

A competición dará comezo a partir das 17.00 horas coa saída das categorías infantil, cadete e xuvenil, que competirán conxuntamente nun percorrido de 3 quilómetros e coa proba 3K absoluta, que dará comezo á mesma hora.

Ás 17.45 será quenda para os alevíns e un cuarto de hora máis tarde, ás 18.00, para os benxamíns, percorrendo ambos unha distancia dun quilómetro. Pola súa parte, ás 18.15 terá lugar a proba biberón, cun percorrido de 300 metros e ás 18.45 rematará a xornada coa saída da modalidade 10K absoluta.

A participación será de balde, e as persoas que desexen tomar parte recibirán unha camiseta técnica e disporán de servizo de buses, duchas e avituallamento durante a proba e ao remate da mesma.

As persoas interesadas poderán realizar a súa inscrición ata o vindeiro 3 de outubro no portal web www.ccnorte.com. No caso dos participantes menores de idade tamén será preciso un xustificante de autorización paterna dispoñible na mesma páxina.