Centos de nenos e nenas de Carballo andan ‘Na procura do Xestal’

  • A compañía carballesa Galeatro dirixe unha actividade teatral para poñer en valor a tradición oral e seguir divulgando a figura de Carlos O Xestal.

Dous grupos do CEIP Bergantiños e un do CEIP Xesús San Luís Romero participaron este luns nunha nova actividade do Ano do Xestal. A Concellaría de Bibliotecas, coa colaboración dos centros de primaria do concello, puxo en marcha Na procura do Xestal, unha proposta teatral coa que se pretende seguir difundindo a figura de Carlos O Xestal entre a infancia co obxectivo de que a súa memoria perdure no tempo, pero tamén achegar á rapazada as artes escénicas dun xeito divertido, poñer en valor a tradición oral como patrimonio cultural galego e seguir fomentando o uso do idioma galego na infancia.

Para conseguir todos eses obxectivos contan non só coa colaboración dos coles, senón tamén da compañía de teatro carballesa Galeatro. Alba Bermúdez e Tone Martínez convértense en Charlie e Charles, dous detectives con avós galegos que actualmente residen en Inglaterra. Xuntos forman a prestixiosa axencia de investigación Cha, cha, cha, na que resolven os casos máis inverosímiles, e desta volta chegan a Carballo por encargo do mesmo rei de Inglaterra para buscar a outros Carlos famosos, coma O Xestal… Nese proceso de investigación, os detectives precisan da axuda dos nenos e nenas de Carballo para saber realmente quen foi O Xestal e por que foi tan importante.

Ao longo da semana está previsto que pasen polo auditorio da Biblioteca Rego da Balsa máis de 500 alumnos e alumnas de 3º e 4º cursos dos colexios Fogar, A Cristina, Artai, Nétoma-Razo, Gándara-Sofán, ademais do Bergantiños e o San Luís Romero, que xa se estrearon este luns. En total,12 grupos de estudantes coa difícil pero divertida misión de afondar na figura de Carlos O Xestal.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha