Centos de persoas asistiron ao Aquelarre do Monte Neme para loitar polo medio ambiente


  • O acto contou coa actriz Isabel Risco e os historiadores Xan M. Fraga e Xan X. Fernández.
  • Tamén houbo actuacións musicais con gaiteiros pandeireteira.

Centos de persoas asistiron o pasado venres ata o Monte Neme para formar parte do Aquelarre na Eira da Meigas, organizado pola asociación medioambiental Senda Nova.

Abriron os actos os historiadores Xan M. Fraga e Xan X. Fernández, quen afondaron nos valores culturais do Monte Neme, facendo un percorrido polo patrimonio inmaterial dun espazo degradado e maltratado ao longo da historia. Sobre as 23.00 horas, a comitiva de meigas de varios concellos da Costa da Morte e arredores, encabezada pola coñecida actriz Isabel Risco, iniciaron o ascenso ao mítico círculo lítico acompañadas de fachos accesos e dunha acompasada percusión. A Escola do Alprende e numerosos gaiteiros, bailadores e pandeireteiras animaron a festa posterior.

Tanto os textos como o propio Aquelarre na Eira das Meigas xiraron a prol do rural e o feminismo, poñendo énfase nas «desfeitas ambientais que teñen que ver con parques eólicos, canteiras e deterioro de corredoiras e ríos por mor da zahorra e pasarelas de madeira que proliferan na nosa xeografía nos poucos lugares que nos quedan aínda sen deteriorar», sinalan desde Senda Nova.