Centos de persoas de Zas, Vimianzo e A Baña mobilízanse contra o peche das oficinas de Abanca

2 minutes read
  • Este xoves tivo lugar unha manifestación diante da sede da entidade na Coruña

Máis de 500 veciños e veciñas dos concello de Zas, Vimianzo e A Baña congregáronse este xoves ante a sede de Abanca na Coruña para reclamar o inminente peche de varias sucursais no rural destes municipios. En total son nove as oficinas que a entidade ten previsto pechar en Galicia neste vindeiro setembro. Ás da Baña, Baíñas e Zas únense as de San Valentín (A Coruña), Campo Lameiro e Campelo (Pontevedra) San Xoán de Río, Padrenda e Quintela de Leirado (Ourense).

Os rexedores dos municipios afectados encabezaron unha mobilización que se iniciou na zona do Obelisco e que transmitía unha clara mensaxe: «Non ao peche do rural».

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, incidiu en que a decisión de Abanca de pechar as súas oficinas só obedece ao interese de incrementar as súas ganancias, xa que «non está motivada por nada que fixeramos nós nin tampouco porque dean perdas». Muíño afirmou rotundamente que esta clausura prexudicará directamente a 10.000 persoas dentro da comarca da Costa da Morte e da Barcala.

Desde a localidade de Vimianzo tamén alzou a voz Mónica Rodríguez, quen destacou que aos representantes dos municipios lles colleu de sorpresa este peche xa que Abanca en ningún momento comunicara a súa decisión, deixándolle o traballo aos propios empregados das oficinas. «Botamos moito de menos que non houbera comunicación e se establecera un diálogo; o que nos sume na impotencia», destacou a alcaldesa, quen fixo fincapé en que estas actuacións motivarán que «as persoas se vexan na obriga de desprazarse e perder tempo e cartos para acudir a unha sucursal e que as outras oficinas se vexan colapsadas». O comercio local tamén se verá afectado por unhas políticas «contrarias á necesaria dinamización do rural», recalcou Rodríguez, polo que «non podemos permitir este desmantelamento».

E se uns falan de desmantelamento, outros, como o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, falan dun «atentado contra o rural». O rexedor lembrou que a oficina de Abanca é a única sucursal bancaria existente no municipio, motivo polo que o seu peche «conleva deixar de facer vida no noso concello».