Cerceda | 10 empresas presentan as súas ofertas para executar unha senda peonil na Tablilla


A Xunta recibiu un total de 10 ofertas de empresas interesadas en executar as obras da nova senda peonil na estrada AC-413, na entrada ao núcleo da Tablilla desde Ordes, no concello de Cerceda, licitadas por máis de 120.000 euros. O obxectivo é iniciar os traballos no segundo semestre de 2022. A obra conta cun prazo de execución de 6 meses.

O investimento que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinará a esta actuación, que tamén beneficia ao municipio de Tordoia, supera os 125.000 euros, tendo en conta o pagamento do único predio necesario para a súa execución.

O pasado día 8 de novembro realizouse o acto de levantamento de actas previas á ocupación para executar as obras, e está fixada para o vindeiro día 24 de xaneiro a formalización das actas e o pagamento dos depósitos previos.

A intervención será financiada con fondos europeos REACT-UE como parte da resposta á covid-19, dentro do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.