O Viveiro de Empresas do Polígono Industrial de Acevedo acolleu unha xornada de traballo sobre as axudas para infraestruturas públicas ás que poderán optar concellos e entidades municipais incluídas nas zonas de Transición Xusta. O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, asistiu á reunión xunto aos seus homólogos para orientar os proxectos que poden presentarse ás axudas do Plan de Recuperación. Asegura que Cerceda xa ten en mente os proxectos que poderán presentarse para acadar estas axudas.
Os municipios da contorna participaron nesta xornada para preparar os seus proxectos e as posibles axudas convocadas dentro do Plan de Recuperación que puxo en marcha o Instituto para a Transición Xusta (ITJ) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico MITECO. Foi unha xornada de traballo entre os concellos de Cerceda, Ordes, Carral, Tordoia e A Laracha para dar a coñecer as instrucións concretas e detalles operativos que faciliten a presentación de proxectos.
O ITJ será o organismo encargado de xestionar esta subvención que pode chegar a asumir o 100% do custo dos proxectos, incluído o IVE que xere a súa execución. Entre as tipoloxías de actuacións elixibles pola convocatoria incluíronse, entre outras, a rehabilitación de edificios, aldeas, poboados ou outros tipos de infraestruturas para novos usos de carácter social; proxectos de creación de hortos urbanos/comunitarios, a creación de plantas de compostaxe ou plantas de provisión de biomasa e/ou puntos municipais de recollida de biomasa para a súa venda a centrais de enerxía ou a proxectos de transformación; ou solucións de mobilidade sostible