Cerceda | Adxudicada a xestión da planta de clasificación de envases lixeiros de Sogama

1 minutes read

A Xunta adxudicou por máis de 32 millóns de euros a xestión integral da planta de clasificación de envases lixeiros de Sogama, localizada no complexo medioambiental de Cerceda.

O contrato -cunha duración inicial de tres anos, extensible a cinco e cunha prórroga excepcional de nove meses- ten como obxectivo incrementar as toneladas de envases destinadas á reciclaxe, ao tempo que inclúe cuestións como o mantemento e actualización dos equipamentos para acadar un óptimo funcionamento do conxunto das instalacións da planta.

Nesta plataforma recíbense os envases de plástico, as latas e os briks que os cidadáns depositan nos contedores amarelos e realízase a selección automática dos mesmos por tipoloxía dos materiais. Unha vez culminado este proceso, envíanse aos centros de reciclaxe para que sexan convertidos en novas materias primas e reincorporalos ao circuíto comercial cunha nova vida xerando así un importante aforro tanto medioambiental como económico ao converter os residuos en recursos.

A valoración de ofertas e a adxudicación do contrario baseáronse en cuestións como a correcta implantación da metodoloxía 5S nas súas distintas fases, así como as actuacións orientadas a incrementar o rendemento e a eficiencia da instalación. Tamén se avaliaron outros aspectos como o cumprimento das exixencias medioambientais para a explotación dos distintos equipamentos, as medidas de protección dos solos ou os niveis sonoros xerados no seu funcionamento.  

Esta actuación para optimizar a xestión dos envases lixeiros vai na liña de outras iniciativas lideradas por Sogama como o proxecto Gresint, financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e que está orientado á transformación dixital intelixente no proceso de recollida e clasificación de residuos de envases.