O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, mantivo este luns unha reunión na Coruña co Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, co fin abordar diferentes proxectos que afectan ao municipio, tal e cómo son os proxectos presentados á convocatoria de axudas publicada polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) destinados a entidades locais e enmarcadas no Plan de Infraestruturas públicas nas zonas de Transición Xusta.
As axudas do Estado contemplan proxectos de diferentes infraestruturas ambientais, no caso de Cerceda están proxectadas varias sendas ciclistas e peonís; a que unirá os cruces da Silva con Xesteda e Cerceda, as sendas de Meirama e Encrobas, e a senda que vai desde o Polígono do Acevedo ata o límite con Ordes.
Tamén se estudou a importancia do Plan Especial Urbanístico do Lago das Encrobas (Meirama), unha ferramenta primordial para o Concello de Cerceda, xa que terá que explotar parte destes novos recursos, un patrimonio natural único en Galicia. Tras a recente desafectación como terreo mineiro, agora ten que articularse a través dun plan especial urbanístico para a ordenación deste espazo natural. Parte do futuro económico dous núcleos de poboación máis próximos en particular e de Cerceda en xeral pivotan sobre este recurso.
O alcalde amosou a necesidade de traballar a prol do aproveitamento das actividades industriais futuras para dotar de subministro de auga á urbanización do Xalo, unha importante demanda veciñal.
Ambos os dirixentes abordaron tamén as accións do Goberno Estatal dentro do seu Plan de Modernización Tecnolóxica para ampliar os servizos de telecomunicacións no eido rural. Rodríguez, que conta cun informe municipal que lle trasladou ás administracións competentes, plantexou a necesidade de incluír a Cerceda xa que na actualidade presenta varias zonas brancas de cobertura, é dicir, zonas sen fibra óptica.
Segundo o alcalde, a reunión co delegado foi moi positiva “ao poder tratar en profundidade distintos asuntos de interese público para o noso territorio, como é o obxectivo de reducir drasticamente as emisións de CO2 e ser un referente no fomento da mobilidade peonil e ciclista, algo para o que o Concello leva dado, e seguirá dando, pasos en firme, e tamén na implantación da fibra, para a cal estamos traballando cóbado con cóbado co Estado”, concluíu o rexedor.