Cerceda avanza na elaboración do seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía

Foto.- Central de Meirama_Cerceda.

O Concello de Cerceda está a traballar na elaboración do seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía (PACES) co obxectivo de reducir o consumo enerxético no municipio e incrementar a implantación de enerxías renovables.

O equipo de goberno puxo en marcha nos últimos meses os traballos previos para deseñar un proxecto de actuación propio a través dunha axuda da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Traballouse na elaboración dun Inventario de Emisión de Referencia (IER) e nunha avaliación de riscos e vulnerabilidades derivados do cambio climático. Tamén se están a realizar enquisas poboacionais para coñecer a visión social da problemática.

Esta semana presentáronse os primeiros resultados nunha sesión de traballo co equipo de goberno na que se identificaron as principais accións que formarán parte do PACES cercedense. Entre estes exemplos de accións de mitigación atópanse actuacións como a renovación dos sistemas de iluminación público, a substitución do parque móbil municipal por vehículos eléctricos ou renovables ou a instalación de illamentos e cerramentos máis eficientes en domicilios particulares.

Adhesión ao Pacto das Alcaldías

O Concello de Cerceda adheriuse o pasado mes de marzo ao Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía, unha iniciativa lanzada en Europa no ano 2008 que reúne a máis de 10.000 autoridades locais pertencentes a preto de 60 países de todo o mundo. Está coordinado en Galicia pola Xunta a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Entre os compromisos aos que se suma Cerceda está reducir en, polo menos, un 40% as emisións de dióxido de carbono no municipio tomando como referencia o ano 2015. Outro dos obxectivos pasa por aumentar a capacidade de resiliencia no concello mediante a adaptación ao cambio climático.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha