O Concello de Cerceda presentou a terceira edición da proba deportiva Poseidon Race organizada polo club local OCR Cerceda, en colaboración co Concello. Esta proba deportiva consiste nunha carreira de obstáculos que terá lugar o 25 de maio no Aquapark cercedense e as súas inmediacións.
A proba deuse a coñecer no salón de plenos da Casa do Concello e no acto interviñeron o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; o concelleiro de Deportes, Óscar Golán; e o presidente do OCR Cerceda, Álvaro Sánchez.
A carreira contará coas categorías Elite, Starter e Popular. A primeira terá un percorrido de 10 quilómetros e 60 obstáculos, mentres que as restantes, a diferencia da edición do ano pasado, terano de 8 quilómetros. Iso si, terán que superar o mesmo número de obstáculos, nos que se porá a proba a forza, o equilibrio ou a puntería dos e das participantes.
A primeira categoría que tomará a saída será a Elite e a saída producirase ás 15:00 horas. A continuación, ás 16:20 horas, arrancarán os ‘starters’ e as categorías populares sairán cada 20 minutos dende as 16:40 ata as 18:00 horas. Esta proba forma parte da Liga OCRA Galicia 2024, Liga AOCO, Liga North Finals e será clasificatoria para o mundial de California OCRW.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, subliñou “a aposta decidida deste goberno pola colaboración con este tipo de eventos, que fomentan o deporte e que lle dan visibilidade a recursos que son de moito interese para nós”.
O presidente do club organizador da carreira, Álvaro Sánchez, agradeceu a colaboración do Concello de Cerceda, pois “sen ela sería totalmente imposible darlle ao evento a magnitude que ten a día de hoxe”. Fixo fincapé en que “este ano formarán parte da Poseidon Race algúns e algunhas dos mellores corredores/as do mundo”, o que definiu como “un soño para nós”.