Cerceda convoca axudas para desprazamentos con fin escolar para este curso

Imagen de un autobús escolar_Fuente: grandoure.com

O Concello de Cerceda convoca as axudas para desprazamentos con fin escolar para o curso académico 2022-2023.

O obxectivo é apoiar aos estudantes que cursen bacharelato, de ensinanza de réxime especial, formación profesional ou universitaria. A contía da axuda será de 250 euros para todo o alumnado que cumpra os requisitos das bases da convocatoria, a ter en conta:

  • Estar empadroado/a e residir de xeito efectivo no Concello de Cerceda e convivir cos menores para os que se solicita a axuda.
  • Que a/o alumno/a para quen se solicita a axuda estea empadroado no Concello de Cerceda.
  • Que a/o alumno/a para quen se solicita a axuda non supere os 25 anos de idade no momento da apertura da convocatoria.
  • Que a/o alumno/a para quen se solicita a axuda curse estudos de bacharelato, formación profesional con título homologado, ensinanzas de réxime especial ou universitarios e para os que sexa necesario desprazarse fóra do concello.
  • Que a unidade familiar da/o alumno/a para quen se solicita a axuda estea ao día no pagamento das obrigas tributarias co Concello de Cerceda.
  • Cumprir cos requisitos establecidos no artigo 13 da Lei 38/2003 do 17 de novembro, Xeral de Subvencións. Terase que acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución que se atopa ó corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social.
  • Que a unidade familiar da/o alumno/a para quen se solicita a axuda teña unha renda per cápita mensual igual ou inferior a 1,5 veces o IPREM (IPREM para o ano 2022 é de 579,02€).

As persoas solicitantes deberán presentar a súa instancia coa documentación requerida no Rexistro Municipal do Concello de Cerceda ou por medios telemáticos ata o día 29 de setembro.