O Concello de Cerceda creará un rexistro municipal de familias de acollida para persoas refuxiadas co obxectivo de contribuír a mellorar a situación de moitas e moitos refuxiados que foxen de maneira forzosa do seu fogar.
No mesmo, figurarán todas aquelas veciñas e veciños que desexen acoller algunha persoa ou familia ucraína, ou que estean en disposición de poder prestar algún tipo de inmoble para este fin.
Así, ponse a disposición da veciñanza o teléfono 981 68 50 01 en horario de 9:00 a 14:00 horas, e os datos que se faciliten trasladaranse ao Goberno do Estado, Xunta de Galicia e FEGAMP, para que no caso de que se organice algún programa de acollemento, poida tramitarse con maior celeridade.
A concelleira de Servizos Sociais, Catrina Queijo, informa á veciñanza da súa “completa dispoñibilidade para transmitirlles toda a información que nos chegan a través dos organismos e entidades de carácter autonómico, nacional e internacional”, asegurando que “o pobo de Cerceda estará á altura do que nos pide agora mesmo o contexto”.