Trátase dun esforzo inversor que supera os 1,88 millóns de euros e que materializa o compromiso municipal cunha modernización continua do territorio, garantindo que cada núcleo veciñal conte con mellores condicións de vida e servizos máis eficientes. Cada proxecto —que neste momento están en execución, recentemente rematadas ou que están nos últimos trámites de contratación — responde a necesidades detectadas no día a día e avanza na liña dun concello cohesionado, ben comunicado e dotado de instalacións modernas e sostibles.
Entre as actuacións executadas e previstas destaca o proxecto de accesos a Abelleira e Boedo (Queixas) e a mellora das pluviais no Brazal de Abaixo, cun investimento global de 127.283,62 euros, que abrangue labores de pavimentación, instalación dunha nova rede de abastecemento, execución dun muro de contención e melloras no sistema de recollida de augas pluviais.
No ámbito da mobilidade rural, o Plan Camiña Rural 2025–2026 permitirá a mellora da pista de Campo Xesteda ao cruce da Brea e doutros camiños en Xesteda, cun investimento total de 82.567,98 euros, destinado a reforzar firmes, acondicionar marxes e asegurar unha circulación máis cómoda para residentes e vehículos agrícolas. Nesta mesma liña trabállase tamén na ampliación e mellora dun importante acceso ao núcleo urbano de Cerceda, como é o caso dn Sobredafonte, cun importe de 102.077,23 euros, que inclúe movementos de terra, melloras estruturais, novos sistemas de drenaxe e reposicións de pavimento. Pola súa banda, o proxecto de mellora do camiño das Encrobas, a pista de Piñeiro a Sandián (Rodís) e o muro de Picardel (Meirama) -xa contratado para o próximo inicio- supón un investimento conxunto de 38.013,67 euros, destinado á pavimentación, á mellora da drenaxe e á execución dunha nova estrutura de contención.
Tamén se inclúe o proxecto de abastecemento en Vilamarta (Rodís), cun investimento de 34.119,91 euros, que permitirá renovar a rede de distribución de auga potable mediante nova canalización, instalación de válvulas e reposición de pavimentos.
A ampliación da Escola Infantil Municipal supón outro dos proxectos destacados, cun investimento de 183.358,87 euros, orientado a crear unha nova aula de 1-2 anos e mellorar a funcionalidade do centro, dando resposta á demanda crecente de prazas e reforzando os servizos educativos municipais.
O ámbito deportivo tamén concentra unha parte moi relevante do esforzo inversor. No campo de fútbol do Outeiro, prevese a instalación de novas gradas cubertas con vestiarios, almacén, cantina e aseos, cun investimento de 496.818,58 euros, modernizando por completo este equipamento. Ademais, no campo de Rodís, un recinto fundamental para a formación de fútbol do Concello, executarase unha ampliación e mellora integral do terreo de xogo, cun importe de 184.548,68 euros, mentres que no complexo deportivo do Roxo vaise acometer a substitución total do céspede artificial, cun investimento de 312.781,94 euros, co obxectivo de ofrecer unha superficie máis segura, sostible e de mellor calidade para clubs, xogadores e usuarios.
No conxunto do termo municipal tamén se están executando outras melloras viarias como as actuacións na pista da Capela a Parada -contratada desde este pasado xoves-, o acceso a Coence, o camiño a Lavandeiras e o ramal da avenida da Coruña, que supoñen un investimento de 46.674,47 euros, centrado no reforzo da capa de rodaxe e na mellora da drenaxe. A estas intervencións súmanse as obras de pluviais en Sandián (Rodís) -contratadas recentemente-, as melloras en Cova das Andes, Vilarvello e a rúa da Gardería, cun investimento total de 73.884,78 euros, dirixido a reforzar infraestruturas hidráulicas, mellorar firmes e optimizar a seguridade viaria. Ademais, a nova depuradora de Meirama e o saneamento en Ribasoutas están xa en execución contan cun investimento conxunto de 201.266,67 euros, que permitirá avanzar no tratamento de augas residuais e na eficiencia ambiental dos sistemas de saneamento municipal.
O Concello de Cerceda mantén así un ritmo de actuacións intenso e constante, cunha planificación que garante que cada parroquia reciba investimentos e melloras estruturais, reflectindo unha visión de crecemento equilibrado e sostible. Este conxunto de intervencións confirma o compromiso municipal cun territorio máis moderno, accesible e preparado para afrontar os desafíos futuros, reforzando a calidade de vida da veciñanza e consolidando o avance continuo de Cerceda como un concello dinámico e en permanente evolución.