Cerceda estreará en outubro a primeira edición do ‘Cerceda Tapea’ con sabor, tradición e premios

Cerceda prepárase para unha fin de semana chea de sabor coa celebración do “Cerceda Tapea”, unha ruta gastronómica que reunirá bares e restaurantes das distintas parroquias do municipio. Durante os días 3,4 e 5 de outubro, veciños e visitantes poderán degustar unha ampla variedade de tapas a un prezo popular de 2 euros cada unha.

A cita contará coa participación de establecementos de Cerceda, Queixas, A Silva, Meirama e A Tablilla, que sorprenderán cos seus mellores pratos en formato petisco: desde propostas tradicionais como callos, rabo de touro ou bacallau con patacas ao sal, ata creacións innovadoras como o pan bao con perdiz en escabeche e salsa sriracha, taco de galiña de Mós no seu caldo ou ensalada de lentellas vegana.

Serán A Taberna, Estación, Estanco, O Parque, O Típo Pepe, A Tella, Golán, Morriña, O Panadeiro, Orlando e Pallas.

O evento celebrarase tanto en horario de mediodía (12:00 a 15:00 horas) como de noite (19:00 a 22:00 horas), permitindo que o público poida gozar da gastronomía en diferentes momentos da xornada.

Ademais, cada tapa virá acompañada dun rasca con premios directos, e todos os participantes entrarán en tres grandes sorteos, o que engade un aliciente máis para percorrer os locais e descubrir os sabores de Cerceda.

O “Cerceda Tapea” busca dinamizar a hostalaría local e poñer en valor a riqueza culinaria do municipio, ofrecendo un plan perfecto para gozar en familia ou con amigos.

Related posts

UCIN Galicia esixe responsabilidades inmediatas polo colapso nas urxencias do Hospital Clínico de Santiago

A Deputación da Coruña aproba as bases do POS+2026, cun orzamento inicial de 88 millóns de euros

Morre unha moza de 20 anos nun accidente de tráfico na Coruña