Cerceda executará unha senda peonil e ciclista entre Ribasoutas e Xermar

O Concello de Cerceda executará unha senda peonil e ciclista entre Ribasoutas e Xermar, na AC-400, grazas ao Programa DUS 5000, enmarcado na convocatoria de axudas para investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico, no marco do Programa de Rexeneración e Reto Demográfico do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

O proxecto ascende a un total de 754.561,70 euros, dos que 623.204,60 euros serán financiados polo Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía, IDAE. Prevese que a súa execución comece, en todo caso, a finais de 2023.

Esta continúa sendas xa executadas e propón a conexión co núcleo de Ribasoutas, creando un itinerario peonil e ciclista segregado da calzada da estrada autonómica. Terá unha lonxitude de 1.780 metros pola marxe esquerda, cun ancho de 2,02 metros.

Nos treitos que se considere necesario, instalarase unha pasarela peonil pilotada, ramplas de acceso e varanda de madeira polas dúas marxes. Previamente á execución da senda, será necesario realizar o movemento de terras preciso para albergar a senda. Contará con rede de pluviais nas zonas necesarias a base de 1.170 metros de tubaxe e para a recollida das augas de escorrentía, colocaranse 53 pozos de rexistro.

En toda a lonxitude da senda tamén se instalará un tubo para a canalización do alumeado público e será necesaria a execución de 307 metros de muro de pedras de granito. Nas zonas de muro instalarase varanda modular para a contención de peóns en aceiro inoxidable.

O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, destaca que “conseguir financiamento para acometer proxectos de interese é sempre unha das tarefas tediosas, pero correspondida por novas tan positivas como esta”, enfatizou.

“Aparte de novas beirarrúas, os preto de 1,3 millóns de € invertidos en sendas en Albarda, Gosende, Ribasoutas, Tablilla-A Silva, Toural, San Vicenzo, Acevedo-Pao do Lobo e Picota-Campo de Xesteda evidencian o avance en accesibilidade peonil vivido nos últimos tempos en Cerceda. Pero dentro do noso plan de mobilidade sostible, queda moito por facer. Insistiremos nunha política que ademais de enmarcarse nos obxectivos europeos, apórtanos un salto cualitativo a nivel de servizo á veciñanza e seguridade”, finalizou o rexedor.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha