O Concello de Cerceda impulsa a convocatoria de subvencións municipais a deportistas e entidades culturais ou deportivas para realizar actividades no ano 2022. Destinaranse un total de 58.000 euros.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 14 de novembro, e poderanse formalizar a través da sede electrónica ou de maneira presencial nas oficinas municipais.
Serán obxecto de subvención as actividades ou investimentos que se leven a cabo dentro do ámbito municipal que teñan por fin os seguintes: dinamizar a igualdade no Concello; promocionar a cultura e o benestar social do Concello; promocionar o deporte, o exercicio físico e o coidado da saúde e apoiar as carreiras dos e das deportistas de Cerceda.
Os gastos susceptibles de subvención serán os que se realicen no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022.
Juan Manuel Rodríguez, alcalde de Cerceda, sinala esta liña de axudas como “fundamentais para dinamizar a cultura e o deporte local, dous eidos fundamentais para a sociedade”.