O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinou coa concelleira de Cerceda e deputada provincial Cristina Capelán a renovación do convenio polo que a Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), manterá os servizos de asesoramento ao municipio en materia de aforro e eficiencia enerxética.
Os técnicos da FAEPAC continuarán, un ano máis, desenvolvendo para Cerceda un plan individualizado de mellora da eficiencia enerxética, uso racional da enerxía e fomento de fontes renovables.
A axencia provincial tamén se compromete a prestar asesoramento técnico en todas as actuacións que desenvolva o concello en materia enerxética. Neste sentido, realizarase un seguimento e control do consumo de electricidade, auga quente e calefacción dos servizos públicos e manterase informado ao concello sobre as modificacións lexislativas e tarifarias, as convocatorias de axudas públicas nacionais e europeas e os novos materiais, produtos sistemas e servizos susceptibles de ser implantados nas instalacións municipais.