Cerceda ofrecerá unha completa programación en decembro para público familiar e adulto


O Concello de Cerceda ofrecerá á veciñanza unha completa programación en decembro para público familiar e adulto. Dará comezo o vindeiro día 5 con “Contos de nenas grandes e pequenas” por parte da Tropa de Trapo. Será ás 18:00 horas para público familiar, nun contacontos que resalta a importancia de contar historias onde as nenas tamén sexan protagonistas dentro dos grandes relatos históricos.

O venres 10 de decembro ás 17:30 horas terá lugar “Historias para derreter cera”, de Alba Grande, e noutro espectáculo para público familiar, a través da música e a voz de Alba Grande.

Oswaldo Digón traerá ata o municipio o seu monólogo “Anecdoloxía” o domingo 12 de decembro ás 19:00 horas. Está pensado para público a partir dos 12 anos, nunha curiosa sucesión de anécdotas co particular humor que caracteriza a este artista, nun inesquecible espectáculo capaz de non deixar indiferente a ninguén.

O domingo 19 de decembro ás 18:00 horas quenda doutra oportunidade para teatro familiar por parte de A Laberca e “A tartaruga Manola”, un conto que trata dun dos temas máis importantes que nos toca abordar na actualidade, a conservación do sitio onde vivimos todos os seres vivos e como debemos actuar se queremos que siga sendo un lugar habitable para nós e as vindeiras xeracións.

Pechará esta programación a visita de Papá Noel o martes 21 de decembro desde as 10:00 horas. Visitará a Escola Infantil “Os Pillabáns”, o CPI O Cruce, o CEIP Celso Emilio Ferreiro e o Centro de Día Fogar Residencial. Unha visita que desde os máis pequenos os máis grandes van a gozar moito.