Cerceda prepara un programa cultural para conmemorar o 25N


O Concello de Cerceda prepara para este mes de novembro un programa cultural vencellado ao Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se conmemora o xoves 25.

Así, o día 14 de novembro terá lugar no Auditorio municipal a representación da obra “A verdadeira historia dos tres porquiños e o lobo feroz”, de Teatro do Andamio. A obra mostrará unha versión do conto algo diferente, dándonos unha visión actual que defende dous principios fundamentais, a igualdade e a solidariedade. Será ás 18:00 horas e está considerada para todos os públicos.

O día 25 de novembro está prevista a lectura do manifesto para conmemorar o Día Internacional contra Violencia de Xénero ás 12:00 horas na praza do Campo da Feira.

Para pechar o mes, o domingo 28 de novembro ás 19:00 horas, tamén o Auditorio municipal acollerá “Invisibles”, de Redrum Teatro, e para público adulto. Trátase dunha peza teatral baseada na novela homónima de Montse Fajardo, amosándolle ao público tres historias cun fío común: a violencia de xénero. Pódense facer as reservas de asentos no 981 68 50 01.