Esta carreira, que se celebrará o vindeiro 11 de maio, está organizada polo Club Atlética A Silva, o Albergue da Estación e o Concello de Cerceda, combina zonas de trail e asfalto nos seus 11 quilómetros de percorrido para dar a coñecer a Vía Verde, que une o municipio con Oroso.
Na presentación, celebrada no Salón de Plenos do Concello de Cerceda, estiveron presentes o o alcalde, Juan Manuel Rodríguez; o concelleiro de Deportes, Óscar Golán; o responsable da rehabilitación do Albergue da Estación, Miguel García; e a presidenta do Clube Atlética A Silva, María José Fraga.
Dará comezo ás 16:45 horas coas carreiras para menores e ás 18:00 horas será o pistoletazo de saída para a carreira. Vinte minutos despois, ás 18:20 horas, celebrarase a andaina, con catro quilómetros de percorrido. As inscricións poderán formalizarse en www.carreirasgalegas.com e o prazo será ata o domingo anterior ó evento no caso das carreiras. No caso da andaina, o prazo amplíase ata o propio día da proba. O prezo para a carreira será de 6 euros. As de menores serán de balde e o paseo valerá 1 euro. As cantidades serán doadas integramente á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) para a investigación oncolóxica e financiamento de proxectos que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro.
Como novidade, nesta segunda edición haberá premios tamén para os participantes na andaina. Concretamente, premiarase ao/á participante máis maior e ao/á máis novo/a.
Ademais, no acto fíxose entrega á AECC do cheque de 657 euros conseguidos na primeira edición desta proba solidaria, celebrada o ano pasado.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, destacou o «éxito de participación» rexistrado o ano pasado na proba, con 545 participantes, e salientou «todos os recursos arredor da Vía Verde como a zona do Paseo Fluvial de Acevedo, o Xardín Botánico e mesmo o parque acuático». Subliñou tamén o «importante recurso turístico natural que supón a Vía Verde para Cerceda, pero tamén para a provincia e para toda Galicia» e por último agradeceu aos colaboradores na organización deste evento.
Pola súa banda, Miguel García, do Albergue da Estación, fixo fincapé en que «haberá actividades para todos os públicos e esperamos que a participación sexa a mesma ou maior que a do ano pasado». Ademais, o espazo do albergue estará a disposición de todos os participantes unha vez remate a carreira «para poder estar alí descansando e repoñendo forzas, e facendo un pouco de festa aquí en Cerceda».