• A concelleira de Servizos Sociais, Catrina Queijo, adianta que “se trata dun proxecto audiovisual para empoderar e poñer en valor a figura da muller que abre un negocio en solitario”.
O Concello de Cerceda organizará para conmemorar o Día Internacional da Muller, que se celebrará o vindeiro mércores, 8 de marzo, coa lectura do manifesto institucional e a proxección do documental ‘Emprender en feminino’ a partir das 20:00 horas da tarde no Auditorio Municipal.
Trátase dun acto aberto á veciñanza, e ao que se convida á mesma a participar, dunha maneira activa. Cada ano faise coa colaboración dun centro educativo en particular e da xente de Cerceda a nivel xeral.
Este ano, vaise un paso máis alá, coa presentación e posterior proxección do proxecto audiovisual ‘Emprender en feminino’, no que as protagonistas son voces e figuras locais.
A concelleira de Servizos Sociais, Catrina Queijo, adianta que “se trata dun proxecto para empoderar e poñer en valor a figura da muller que abre un negocio en solitario, para romper os teitos de cristal e para fomentar a igualdade en todos os eidos”.