Cerceda proxecta a creación dunha senda peonil que una os núcleos de A Silva e A Tablilla


O Concello de Cerceda proxecta a creación dunha senda peonil e ciclable para unir os núcleos de A Silva e A Tablilla, traballos que contarán cun orzamento de 568.448,3 euros, nunha actuación que “incrementará as condicións de seguridade da nosa veciñanza”, comenta o alcalde, Juan Manuel Rodríguez. Estarán subvencionados ata nun 80% polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, IDAE.

O itinerario terá unha lonxitude total de 2.935 metros pola marxe esquerda da estrada AC-413, e contará con 2,02 metros de ancho. Entre o firme da estrada e a propia senda executarase unha rigola de formigón para conducir as augas de escorrentía. 

O pavimento será executado en zahorra e formigón, dun cor ocre, e contará con rede de pluviais. En toda a lonxitude da senda deixarase tamén instalada unha tubaxe para canalizar a liña de alumeado público. 

Dentro do proxecto tamén se concreta a instalación dunha pasarela peonil, que contará con ramplas de acceso e varanda para mellorar a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida, en madeira, e instalaranse 25 bancos de pedra. A idea é continuar a liña do traballo que vén desenvolvendo o goberno local, que está a facer un investimento de gran calado para mellorar a mobilidade non motorizada.

En base á realización deste proxecto que aquí nos ocupa, o rexedor cercedense subliña que “é unha idea que queremos desenvolver ao longo de moitos puntos do territorio cercedense, e de feito xa executamos moitos pasos neste sentido, porque é relevante que existan boas conexións ademais de incrementar o benestar da nosa veciñanza e promover hábitos saudables entre a nosa poboación”, recalca.

Seguindo a liña dos traballos xa executados

Esta obra enmárcase na forte aposta que o Concello de Cerceda vén desenvolvendo nos últimos tempos en favor da mobilidade non motorizada, xa que no último ano se executaron outras actuacións cofinanciadas polo IDAE como as sendas peonís de Ribasoutas, San Vicenzo, do consultorio da Silva a Gosende ou a do Acevedo a Pao do Lobo, estes últimos traballos aínda en execución.

Tamén se realizaron recentemente outras intervencións deste tipo a través do POS, como a do Toural ou a da Albarda. Trátase de máis de 700.000€ de sendas peonís executadas ou moi avanzadas na súa totalidade, ademais da que aquí presentamos. 

Pendentes de contratación tamén están a da Vila a Cobeláns ou a que conducirá á Estación de tren Cerceda-Meirama, o que rubrica a firme aposta do goberno local por dotar ao peón dunhas infraestruturas que conecten o municipio á vez que se promove a práctica dun estilo de vida saudable.