Cerceda recibe as obras de rehabilitación enerxética do Museo do Moucho

1 minutes read

O Concello de Cerceda recibiu este martes as obras de rehabilitación enerxética do Museo do Moucho, que contaron cun orzamento de 165.224, 74 euros. O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, visitou esta mañá os traballos dun dos “edificios máis senlleiros do noso municipio, que acolle no seu seo actividade municipal para pequenos e maiores”.

Actuouse sobre as fachadas para incrementar o aillamento térmico e a ganancia térmica solar. Executouse colocando placas de bordo escalonado co respectivo morteiro e cor, e na planta baixa realizarase unha fachada ventilada cun aplacado pétreo para protexer mecanicamente a estrutura. Substituíronse tamén as carpinterías de aluminio, sen rotura de ponte térmica, por outras novas que conseguirán un aforro notable no sistema de calefacción do Museo.

En termos de certificación enerxética, a calificación final do proxecto mellora en dúas letras ás do edificio existente, actuando sobre a demanda global e a eficiencia do sistema de climatización. Pasará dunha clasificación C a A.