O Viveiro de Empresas de Cerceda acolleu este luns a xornada “Conectando Persoas, Empresas e Emprego”, unha cita que reuniu empresas e persoas na procura de novas oportunidades laborais. O obxectivo foi fomentar o contacto directo e mellorar a empregabilidade no territorio.
No evento participaron representantes da Asociación de Empresarias Rurais (ASER), Grupo Cercedasol, Leyma, Grupo Malasa, Reneymar e Sogama, que trasladaron aos asistentes as súas necesidades de contratación e recomendacións para acceder ao mercado laboral nun contexto cada vez máis competitivo e cambiante.
Tamén asistiu o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, quen agradeceu a colaboración entre axentes sociais para organizar iniciativas coma a deste luns, “beneficiosas para todas e para todos”. O alcalde subliñou a “aposta” do Concello por xerar postos de traballo: “Cando falamos de emprego, é fundamental o impulso das empresas, pero desde logo, que a Administración dea a man”.
Pola súa parte, a Confederación de Empresarios da Coruña destacou a boa acollida da xornada e o valor deste tipo de encontros para achegar empresas e talento. A representación empresarial detallou as necesidades das súas compañías en materia de recursos humanos, afondando nos perfís profesionais que precisan cubrir, en como participar nos procesos de selección e na formación que poden levar a cabo para incorporarse ao mercado laboral, unha cuestión clave para poder acceder a postos de traballo cualificado.
O programa ActivaVerde é un proxecto para mellorar a empregabilidade das persoas afectadas polo peche das centrais de Meirama e As Pontes, ofrecéndolles orientación, formación e acompañamento personalizado. Está financiado nun 70 % pola Unión Europea no marco do programa dos Fondos de Transición Xusta para España 2021-2027, e xestionado pola Xunta en colaboración con axentes sindicais e empresariais. Nel poden participar as persoas, empregadas ou desempregadas, afectadas polo peche das centrais térmicas e residentes na provincia da Coruña.
Ao remate do encontro, habilitouse un espazo de networking para favorecer o intercambio directo entre empresas e asistentes e, deste xeito, xerar unha contorna propicia para o establecemento de contactos profesionais e detectar posibles oportunidades de emprego.