Cerceda reúne a centos de persoas na Silva no regreso da tradicional Feira das Nenas 

2 minutes read

Cerceda recibiu este domingo a centos de persoas que se achegaron para gozar da tradicional Feira das Nenas na Silva. As competicións ecuestres, as exhibicións de alta escola de Galicia e a ruta Cabalar reuniron desde primeira hora da mañá a multitude de afeccionados e amantes aos deportes equinos. Como xa apuntara o alcalde, Juan Manuel Rodríguez, o regreso deste tipo de eventos formou parte da recuperación da identidade deste evento que xa tiña lugar a mediados do século pasado. O rexedor quixo agradecer á comisión de Festas Espírito Santo da Silva e da Deputación da Coruña a súa axuda e colaboración para facer realidade esta feira.

A Asociación Pura Raza Cabalo Galega organizou as competicións de morfoloxía da raza galega e de paso de marcha en andaina na  modalidade de serrada (dous tempos) e chapeada (catro tempos), eventos que supuxeron un dos momentos de maior estética da xornada ecuestre.

Por outra banda, as bombas de palenque e os pasacalles, coa charanga Os Atrevidos e o grupo Faíscas, da Pontraga, deron comezo unha xornada festiva, que foi continuada pola Asociación Cultural Folque Ruada, que amenizou parte da festa a mediodía.

O tradicional reparto de bolos preñados na praza e nos bares da Silva foi todo un éxito e destacou tamén a sesión vermú que amenizou o Grupo Tania Veiras. Xa pola tarde, o mago e ilusionista Cayetano Lledó encheu a praza co seu número antes da presentación da “Parella Feira das Nenas 2022” da man de Xacobo Pérez e do humorista Pacheco, que deron paso a María Mera e a Pepe Capelán como parella deste ano.

O motor tamén estivo presente durante toda a xornada coa exhibición de Freestyle con Paulo Martinho, e co Club Zumbalacazán 4×4, que realizou varias exhibicións de todoterreos. O peche da festa correu a cargo do grupo Tania Veiras e dun concerto da orquestra París de Noia.

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, atreveuse a subir a bordo do coche que realizou a exhibición de Freestyle con Paulo Martinho.