O Concello de Cerceda convoca en colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña o evento formativo “A túa empresa en internet”, catro xornadas gratuítas dirixidas a empresas e persoas autónomas que terán como obxectivo incrementar as vendas en internet ou deseñar unha axeitada estratexia de marketing dixital. Neste senso, as xornadas formativas achegarán as principais ferramentas no eido dixital para axudar ás empresas e autónomos a posicionar os seus produtos en canais dixitais estratéxicos.
O ciclo estruturase en catro xornadas; a primeira delas terá lugar o mércores 6 de abril eleva por título “Introdución ao Marketing Dixital e Cómo usar whatsapp business para o teu negocio”. O 27 de abril comezará a segunda das xornadas titulada “Cómo atraer clientes desde Google”. O 18 de maio terá lugar a ponencia “cómo usar as redes sociais para o teu negocio, e xa o 15 de xuño rematará o ciclo co relatorio “Cómo mellorar o noso escaparate web”.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, destaca a importancia destas xornadas como ferramenta para axudar as empresas locais e autónomos do municipio, “de cara a mellorar os seus modelos de negocio e adaptalos aos novos canais de comunicación comercial, o que redundará tamén no crecemento económico do concello”. As catro xornadas terán lugar no Viveiro Industrial de Empresas de Cerceda (Rúa Innovación, Polígono Industrial do Acevedo) en horario de 20 a 22 horas. O ciclo conta con 32 prazas e os interesados poderán inscribirse neste mesmo espazo ata o vindeiro 6 de abril. Tamén poderán recibir información no teléfono 881 981 553 de 8 a 21 horas, ou no correo electrónico viecerceda@gmail.com.