Certame Internacional de pintura ao aire libre Álvarez de Sotomayor en Ponteceso

1 minutes read

Ponteceso recupera este ano un dos eventos culturais de maior proxección, o Certame internacional de pintura ao aire libre Fernando Álvarez de Sotomayor, que pon en valor a figura dun artista estreitamente ligado ao concello, convertindoo así en punto de referencia cultural.

Os detalles fixéronse públicos nun acto no que participaron as concelleiras de Cultura, Ana Pérez Imia, e Turismo, Raquel Fondo Pérez; o concelleiro de Mobilidade e Seguridade, Faustino Santiago Lema; o presidente da Asociación de Empresarios, Juanjo Merino, e o xerente da Fundación Eduardo Pondal, José María Varela, que leva o peso da organización xunto co Concello de Ponteceso e coa colaboración da Deputación da Coruña.

Despois de tres anos de ausencia, o concurso celebrará a súa quinta edición o vindeiro 17 de agosto, e ademais nun ano simbólico pola celebración do bicentenario do Museo del Prado, do que, como lembrou a concelleira de Cultura,  Álvarez de Sotomayor foi director durante trinta anos.

Os/as artistas que queiran participar poden preinscribirse no correo electrónico pinturasotomayorponteceso@gmaill.com, aínda que as inscricións definitivas realizaranse o propio día 17 de agosto no Centro Cultural Xosé Neira Vilas.