Tres proxectos de I+D+i de CETIM, Centro Tecnolóxico con sede no Parque Empresarial de Alvedro, foron seleccionados na cuarta edición do programa “Fábrica Intelixente e Sostible” da Axencia Galega de Innovación (GAIN), que ten por obxectivo mellorar a competitividade do tecido industrial galego a través da implantación das tecnoloxías avanzadas e da industria 4.0. As tres investigacións industriais sobre Dixital Twins, blockchain, materiais avanzados e fabricación avanzada son SMART4 SLATE, ECO-SMART BATT e SMARTSTORE, que mobilizan un total de 9.100.000 €, e son froito da colaboración do Centro con grandes industrias tractoras galegas, CUPA, Silicio Ferrosolar e Grupo NOGAR, respectivamente. O éxito destes tres proxectos de I+D+i supón un reforzo a CETIM e a unha das súas áreas de coñecemento, Industria Dixital. Un campo estratéxico cun futuro prometedor debido á actual demanda do mercado para penetrarse na coñecida como “cuarta revolución industrial” e transformarse en fábricas sostibles e intelixentes mediante a aplicación sinérgica das tecnoloxías da información (TIC) xunto con outras tecnoloxías facilitadoras como a nanotecnoloxía.
Novas baterías de litio
ECO-SMART BATT baséase na fabricación 4.0 sostible de nanocompuestos e ionogeles para baterías de alta densidade enerxética, con menor custo, que impulsen a transformación do sector automobilístico. No consorcio de traballo, liderado por Silicio Ferrosolar, participan as empresas ABCR Labs, Ártabro Tech, ENSO Innovation (spin off de CETIM) e o propio Centro Tecnolóxico. O rol de CETIM no proxecto consistirá en optimizar os procesos de produción e trazabilidad de silicio metálico –que fornecerá Silicio Ferrosolar- e nanofibras de celulosa -en colaboración Enso- mediante a investigación e implementación de xemelgos dixitais e blockchain, así como deseñar e validar un proceso de ensamblado e montaxe das novas celas de baterías -colaboración ENSO- mediante a realización dunha planta piloto automatizada onde se avaliará a súa escalabilidade industrial.
Enso Innovation, pola súa banda, implementará nanopartículas de celulosa nas baterías para buscar alternativas que melloren o rendemento da cela electroquímica en base á creación de estruturas porosas condutoras tridimensionales, modificación de electrolitos e desenvolvemento de separadores altamente eficientes. ECO-SMART BATT complementa outro proxecto de investigación concedido recentemente a CETIM como é o LiOn- HD, financiado polo Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial ( CDTI) a través do programa Misións CDTI.
Lousa 4.0
O proxecto SMART4 SLATE está enfocado á produción intelixente e sostible 4.0 de lousa natural. O consorcio formado por CETIM e Tecdesoft está liderado por CUPA, a maior louseira do mundo. En concreto, o traballo de CETIM consistirá en investigar e personalizar impresoras 3D para fabricación de novos produtos con formulacións geopoliméricas. Así mesmo, tamén establecerá comparativas con produtos análogos de lousa natural ou o seu correspondente material para comprobar vantaxes e inconvenientes duns sobre outros.
Loxística portuaria
Xa por último, o proxecto SMARTSTORE está centrado nun sector de gran importancia en Galicia, a loxística portuaria. Intervirase en todas as fases, desde a estiba no porto ata a entrega de mercadoría ao cliente final pasando polo proceso de custodia produtos estratéxicos para a actual economía galega como son os graneis sólidos agroalimentarios, os conxelados ou os metais. No consorcio de empresas liderado por Grupo NOGAR, CETIM colaborará con Galigrain, Internacional de Comercio e Servizo, Protea Produtos do Mar. P& J Carrasco. O seu traballo consistirá en seguir avanzando na implantación de tecnoloxías punteiras relacionadas coas fábricas do futuro como é modelización con xemelgos dixitais e a combinación dos sistemas de visión artificial coa robótica colaborativa.
Aposta de futuro
Estas tres actuacións enmárcanse na aposta da Xunta de Galicia por unha economía máis sostible que garante a recuperación a través da transformación ecolóxica e industrial, modernizando a industria e asegurando o crecemento, apoiándose nos sectores estratéxicos e grandes industrias da economía galega para convertelos en motores que arrastren e mobilicen a todo o tecido produtivo.