O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, está a traballar no Perú na mellora da seguridade alimentaria e nutricional da poboación, a través dun proxecto que incentiva o consumo de produtos do mar e incide na importancia dunha dieta saudable. A acción desenvólvese na Baía de Sechura, na rexión peruana de Piura, e ven dar continuidade ás actividades desenvolvidas pola institución galega nesta zona do Perú en proxectos anteriores.
Nesta ocasión, a través do proxecto SAN Perú, Cetmar ofrece formación a técnicos, así como no ámbito familiar e educativo, sobre o consumo apropiado dos produtos hidrobiolóxicos e a súa introdución nunha dieta rica en nutrientes e proteínas.
O traballo con 46 axentes comunitarios céntrase en fortalecer as súas capacidades sobre nutrición saudable en base aos devanditos produtos, de modo que posteriormente poidan formar e sensibilizar a súa vez á poboación sechurana neste aspecto. A formación esténdese despois a máis dun cento de familias e a 64 docentes de oito centros escolares coa finalidade de transmitir estes coñecementos a 500 nenas e nenos do distrito de Sechura.
O obxectivo destas accións é mellorar o aproveitamento dos produtos do mar, que non son habituais na dieta dos fogares nin no almorzo que os nenos e nenas levan á escola, e sensibilizar así á comunidade educativa sobre a importancia e os beneficios do seu consumo.