Un total de 150 centros de ensino galegos participan na actual edición desta iniciativa, que ten por obxectivo concienciar á mocidade galega sobre a importancia da reciclaxe de pilas, acumuladores e baterías en desuso, que son dos residuos máis contaminantes que se xeran nos fogares.
Na actualidade un 40% dos centros participantes xa esgotaron o prazo de seis semanas para recoller estes refugallos e —segundo os datos provisionais— foron capaces de acumular 24 toneladas. Non obstante, preto de 90 colexios aínda dispoñen de sete días para dar un novo pulo á recollida.
Cómpre recordar que os catro centros que consigan recuperar o maior volume destes residuos repartiranse 7.500 euros, divididos en catro premios e dúas categorías, que deberán destinarse á compra de material escolar e deportivo ou a organizar actividades educativas.
O certame Pilabot, posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración cos xestores de pilas autorizados na Comunidade —Ecopilas, ERP e Ecolec—, busca fomentar a reciclaxe de pilas entre a comunidade escolar e as familias do alumnado, ao tempo que se facilita información e recursos didácticos para promover actitudes positivas que preveñan os problemas de contaminación que poden ser derivados se non se xestionan de forma adecuada.
Unha das novidades da presente edición foi o concurso artístico #EuSonPilabot, dirixido á totalidade do alumnado dos centros participantes, que tamén se mantén aberto ata o 31 de marzo. Os interesados en participar deben enviar unha obra artística en formato imaxe (debuxo, fotografía, mosaico, etc.) inspirada na reciclaxe das pilas e orientada aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030 da ONU. Este ano poderase participar en cinco categorías, correspondentes a cada un dos ciclos das etapas educativas de primaria e secundaria, e fixaranse cinco premios, que se outorgarán á mellor obra de cada categoría, as cales recibirán unha tablet.