Charla de Roser Amills no IES Eduardo Pondal de Ponteceso


A programación das IV Xornadas de Xénero, organizadas pola Área de Biblioteca de Ponteceso, chega ao seu ecuador cunha convidada de luxo: a escritora e xornalista Roser Amills, que o vindeiro xoves 15 visitará o noso concello para impartir unha charla no IES Eduardo Pondal que levará por título “Vitaminas para adolescentes: claves para ser o mellor home e a mellor muller que podemos ser”. O acto, que dará comezo ás 13:00 horas, consistirá nun relatorio ameno e informal co que se pretende promover a participación de todo o alumnado.

Roser Amills

Ademais da súa faceta como xornalista e escritora, vocación que descubriu con tan só sete anos, Roser Amills conta cunha ampla traxectoria profesional nos principais grupos editoriais do país así como en radio, televisión e plataformas on line. De feito,  no seu palmarés destaca o Micrófono de Prata de Informadores 2014, concedido pola Asociación Profesional Española de Informadores de Prensa, Radio, Televisión e Internet, como profesional destacada do ano. Ademais de numerosos premios e recoñecementos, Amills leva publicado máis de 20 títulos literarios entre ensaios, poesía e novela, traducidos xa a máis de seis idiomas.P