Charla sobre aves mariñas no centro sociocomunitario de Caión

PIXABAY

  • Será este venres ás 19:00 horas. A entrada é gratuíta ata completar aforo

O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), en colaboración co Concello da Laracha, celebrará este venres unha charla divulgativa sobre a situación de diferentes especies de aves mariñas que residen ou transitan pola Costa da Morte. ‘Veciñas do Mar e do Ceo’ terá lugar no centro sociocomunitario de Caión ás 19:00 horas. A entrada é gratuíta ata completar aforo.

A actividade ten como obxectivo mostrar á veciñanza dalgunhas vilas costeiras da Costa da Morte, o Golfo Ártabro e o Ortegal este valor natural e interesante que teñen no seu territorio e amosar, de xeito sinxelo e divulgativo, toda a información recollida no marco do proxecto Aves Ártabras (ÁRTABRO2), que investiga e pon en valor as aves mariñas da costa coruñesa entre as Illas Sisargas e a provincia de Lugo. Ademais, ÁRTABRO pon o foco na pesca sostible, amosando que é posible desenvolver unha actividade pesqueira tradicional ao tempo que se conservan especies como o corvo mariño cristado, as gaivotas ou as pardelas.