A escritora Charo Golmar presentou este martes en Compostela o seu último libro, No bico do vento (Editorial Bolanda, 2022). No acto, que tivo lugar na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos, a autora estivo acompañada do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; da ilustradora do poemario, Olaya Naveira, e do crítico literario Armando Requeixo quen asina tamén a contraportada.
“Neste libro o vento leva no bico borlas de soños, angueiras dos días no rodicio e suspiros nos que cabe unha vida enteira”, asegurou Armando Requeixo, quen engadiu: “Todo aquí é luz de amizade antiga e remanso de río nos afectos, un sentir no que aniña o corazón abrochado de esperanzas”.
Ademais da poética que engaiola os textos de Golmar, a publicación inclúe unha ilustración que forma parte indisoluble da mesma, redondeando a obra. A autora, Olaya Naveira, baseouse na mensaxe que evoca a autora falando “do pasado e do presente” para elaborar unhas imaxes “que mesturan partes en cor con outras en branco e negro, establecendo un diálogo e creando un conxunto que non tería sentido doutro xeito”.
Ilustradora e autora estiveron arroupados nesta presentación por Rosalía Morlán, e polo alumnado do CEIP Xesús Golmar de Lalín. Tamén estivo presente o alcalde do Concello de Lalín, Xosé Crespo, e Manoele de Felisa que xunto a Begoña Lorenzo puxeron o broche de ouro musical ao acto.