- Será o venres, ás 18:00 horas, no centro sociocultural de Paiosaco
A tan só uns días de rematar abril, na Laracha tamén lle poñen fin á programación realizada en colaboración coa Deputación da Coruña para celebrar o Mes do Libro, que ten como obxectivos fomentar a lectura e a asistencia ás bibliotecas entre os máis cativos. Nesta ocasión proponse o espectáculo infantil A familia Papaventos, un contacontos sobre a amizade no que as historias se acompañan coa voz e a guitarra de Charo Pita interpretando cancións do seu libro-disco No país do vento.
Será este venres a partir das 18:00 horas no auditorio do centro sociocultural de Paiosaco. A entrada é gratuíta e soamente se permitirá o acompañamento de adultos se non se completa a capacidade máxima da sala cos máis pequenos. Os nenos estarán ao cargo de persoal municipal durante o espectáculo.