- Este xoves realizarase unha visita técnica que permitirá coñecer a transformación urbanística da vila
Andando enténdese a xente é o lema do 8º Congreso Cidades que Camiñan, que durante tres días vai converter Carballo na capital das vilas e cidades españolas que cren nunha mobilidade máis sustentable dándolle prioridade ao peón e á construcción dunha rede como «símbolo da nova cultura urbana cara a unha mobilidade distinta, alternativa, sa e sostible», destacan desde o Concello de Carballo, onde os cidadáns «xogamos, charlamos, detémonos, observamos, existimos e gozamos; en definitiva, entendémonos».
Acompañando ao lema, un dos murais do Rexenera Fest protagoniza o cartel deste 8º congreso. Trátase dunha obra de Andreas Van Chrzarowski, de nome artístico Case Maclaim, un prestixioso artista alemán residente en Frankfurt e considerado como un dos principais muralistas contemporáneos que no ano 2016 deixou en Carballo a pintura dunha man atando unha zapatilla deportiva para camiñar.
En Carballo elixirase a sede do noveno encontro, que deberá ser unha cidade de maior tamaño e dunha comunidade autónoma non limítrofe con Galicia «para ir alternando espazos urbanos de distintas dimensións». Será unha das decisións que deberán tomar os membros da Rede na asamblea xeral deste xoves como colofón a unha primeira xornada que arrincará cunha visita técnica guiada para coñecer os principais fitos da transformación urbana que está a experimentar Carballo.