O secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), Manuel Quintana Martelo, inauguraron na sede do Museo do Pobo Galego a mostra Facer Camiño que se poderá visitar ata o vindeiro 25 de outubro. Trátase dunha exposición na que 12 dos máis destacados artistas galegos asocian a arte co Camiño de Santiago e que chega á capital galega logo do seu paso por Vigo, A Coruña e Lugo.
Durante a inauguración da mostra, Anxo M. Lorenzo salientou a capacidade de Facer Camiño para asociar “a expresión plástica e visual de hoxe cun dos elementos esenciais na conformación da nosa identidade: o Camiño de Santiago”. Nesta mesma liña, o representante da Xunta de Galicia destacou a importancia dos académicos que participan nesta “peregrinación artística”. “Trátase dunha nómina extraordinaria de artistas de diferentes xeracións que abordan a arte desde diversos medios expresivos e estilos e que comparten dúas características: formar parte da Real Academia Galega de Belas Artes e ser creadores recoñecidos e fortemente valorados”, afirmou.