Chega a Vimianzo a III Edición do Vimiansol


O Concello de Vimianzo presenta a III Edición do Vimiansol,  unha completa programación que integra disciplinas como a maxia, o circo, a música e o humor para todas as idades. Un intenso programa de verán para gozar en Vimianzo dos mellores espectáculos. A alcaldesa, Mónica Rodríguez. Presentou esta edición xunto ás concelleiras María José Pose e Ana Ramos. Rodríguez destacou a “altísima calidade” desta programación que comezará en xullo e rematará no mes de agosto.

O programa comezará o domingo 10 de xullo cos monicreques de A Xanela do Maxín, que representará A Gárgola do Mestre Mateo. O seguinte espectáculo do programa chegará o sábado 23 de xullo a cargo de Fran Boza, co seu primeiro espectáculo recén estreado (Malabarabilidades), unha demostración a cargo dun portentoso malabarista. O circo e o abraio continúan o 30 de xullo cunha completa gala protagonizada por varios dos máis destacados artistas de Galicia.

O venres 05 de agosto, o Mago Antón toma o relevo co seu espectáculo A Volta a Galicia en 313 Concellos. Unha xira con camión máxico como espazo escénico.

O sábado 06 de agosto Desastronauts achega á Praza do Concello de Vimianzo o seu espectáculo  “Somos Circo”, que estrearon na prestixiosa Mostra de Cangas a comezos de xullo.


A continuación chegarán á praza do Concello Somos Cirque o 13 de agosto, unha troupe internacional canadiana e francesa que presentan Entre Nous, un espectáculo de acrobacias presente nos mellores festivais europeos. E o día 20 de agosto os madrileños Kanbahiota presentan Volando Vengo, un espectáculo de acrobacias e portes coreanos que nos achegan unha incrible sensación de risco e emoción. Unha estrutura de 12 metros de longo e 6 metros de altura na que Kanbahiota ofrecerá números dunha dificultade extrema.

O programa remata co humor a música de Píscore. O grupo galego, gañador do premio do público do Festaclown presenta o seu último espectáculo, Concerto Con Fusión, unha mestura de clown, humor e estilos musicais que van dende a música, ao jazz, pasando polo rock e os ritmos latinos.