Chega ás praias a iniciativa ‘Bye, bye plástico’


Trátase dunha iniciativa sobre o uso responsable dos plásticos e a loita contra o lixo mariño coa renovación da campaña Bye, bye plástico, que naceu no 2020 con ese obxectivo. A través deste cambio que inclúe accións de verán en distintos areais galegos, en redes sociais, e a creación dun personaxe, entre outras, e busca inculcar na sociedade, principalmente nos máis novos e dun xeito máis lúdico, a importancia de reducir, reutilizar e reciclar os plásticos.

Esta acción que conta co apoio da Xunta, estará presente en varios areais de Galicia durante o mes de agosto e ten como obxectivo concienciar aos asistentes da relevancia de manter unha actitude responsable para reducir os residuos.

Consiste na instalación dun posto desde o que se animará á xente a desfacerse dos plásticos de xeito responsable. Para iso repartiranse bolsas da campaña coa finalidade de que as persoas garden os refugallos plásticos xerados durante a xornada e así visibilizar a cantidade de plástico xerada ou que axuden ao coidado do espazo enchendo a bolsa dos plásticos que atopen.

Ademais no posto haberá unha ruleta con escenas de diferentes poses relacionadas co surf que servirá como reclamo para as persoas e para que quen o desexe utilice a ruleta e replique a pose que lle toque nunha plataforma que imita a unha táboa de surf, tratando transmitirlles á sociedade que reducir o uso do plástico e evitar que acabe en lugares coma o mar é un cometido de toda a cidadanía.