Chega o festival Feito a Man de Santiago de Compostela


O programa do festival Feito a Man foi presentado na Praza da Quintana, coa presenza de Anxeles Porto por parte da organización; o responsable de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; a concelleira de Cultura do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, e o representante de Estrella Galicia, Guillermo Fernández.

Polo Feito a Man deste ano pasarán case 50 propostas artísticas diferentes de diversos estilos musicais: pop, rock, blues, jazz, tango, swing, música tradicional galega… E tamén haberá presenza doutras artes e disciplinas, como a maxia, performance, poesía, baile ou cabaré.

Como vén sendo habitual, o groso do festival recae nos concertos de pequeno formato realizados nas terrazas dos establecementos organizadores, mais tamén haberá lugar para noites con artistas de maior formato. Así, á parte de rúas como a Vía Sacra, a rúa da Orfas, a Praza de Feixóo, Tras San Fiz de Solovio ou rúa Xelmírez; tamén haberá actuacións nas prazas de Mazarelos, San Martiño Pinario ou Cervantes.