Chega o Mes da Ciencia en galego ás bibliotecas da Xunta

Os centros bibliotecarios xestionados pola Xunta van acoller ao longo deste mes de novembro preto de 40 actividades de divulgación científica enmarcadas na celebración do Mes da ciencia en galego nas bibliotecas. Trátase dunha iniciativa autonómica a prol do achegamento da cidadanía á literatura científica en galego. Os secretarios xerais de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e de Política Lingüística, Valentín García, presentaron en Santiago a programación prevista co gallo desta conmemoración.

No caso das bibliotecas escolares, promoverase o desenvolvemento de iniciativas relacionadas coa ciencia. Ademais, a asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería mantén un portal cunha selección de materiais sobre ciencia en galego, así como maletas viaxeiras que poden utilizar os centros de xeito temporal con temáticas arredor dos diferentes eidos científicos. Neste curso continúase coa actualización de contidos, engadindo publicacións recentes realizadas con perspectiva de xénero.
Dispón tamén dunha selección de libros de divulgación científica en galego como apoio ao alumnado nos seus traballos de investigación, que neste curso se reforzará cunha dotación extraordinaria en Secundaria. A isto súmaselle o proxecto Biblioteca Creativa, enmarcado no Plan Lía (Lectura, Información, Aprendizaxe), a prol da introdución dun espazo de creación e experimentación na biblioteca escolar, e o Concurso de traballos por proxectos, que inclúe a nova modalidade para proxectos realizados con metodoloxía científica.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha