Chegou a Cee a mostra «Facer Camiño»

A alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, acompañou ao director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), Manuel Quintana Martelo, na casa da cultura de Cee, onde inauguraron a mostra Facer Camiño. Trátase dunha exposición na que participan 12 dos máis destacados artistas galegos asociando a arte co Camiño de Santiago.

A itinerancia desta exposición arrancou en Vigo e pasou por A Coruña e Tui. Nos próximos meses chegará tamén ás cidades de Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Ferrol, así como á vila de Mondoñedo, asociada ao territorio histórico das Rutas Xacobeas.

Escolma do talento galego

Así, ata o vindeiro 30 de setembro, poderase visitar na localidade de Cee a mostra comisariada por Asunta Rodríguez e que reúne unha escolma do traballo dos artistas galegos, todos eles pertencentes á RAGBA: Manuel Buciños, Ignacio Basallo, Xosé Díaz, Menchu Lamas, Xurxo Lobato, Acisclo Manzano, Din Matamoro, Manolo Paz, Soledad Penalta, Manuel Quintana Martelo, Rafael Úbeda e Miguel Anxo Prado.

Descentralización do Xacobeo 2021

A mostra enmárcase no marco de colaboración institucional existente entre a Administración autonómica e a Academia, referendado mediante a sinatura dun convenio de colaboración o pasado mes de xuño. Unha colaboración na que a Xunta de Galicia inviste preto de 100.000 euros e que durante este ano se centra. de xeito monográfico. en afondar no vínculo entre a cultura e o Camiño de Santiago, a través dunha programación de calidade, accesible e deslocalizada.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha