Chegou a Lugo a exposición ‘Galicia futura’

Galicia futura tenta imaxinar a Galicia do mañá a partir dunha escolma de fitos e ideas innovadoras que xa están a marcar os vieiros do porvir da nosa Comunidade en diferentes campos, desde as artes, á biomedicina, pasando pola enxeñaría ou o deseño, partindo do traballo que están a desenvolver profesionais e grupos de vangarda.

Un dos puntos destacados da exposición son a serie de obras realizadas en exclusiva para a mostra por distintos creadores e creadoras galegas. Entre elas atópanse a peza audiovisual exclusiva que comparte título coa propia mostra, rodada por Oliver Laxe nos Ancares, ou o Campo de figos co que a dramaturga Marta Pazos sorprende ás persoas visitantes cunha instalación envolvente na que reflexiona sobre feminismo, futuro e identidade. A arte hipertecnolóxica do creador galego afincado en Singapur Rubén Ramos Balsa é outra das protagonistas da mostra, coa obra Travesía, inspirada na paisaxe galega e no Camiño de Santiago.

O diálogo entre diferentes disciplinas artísticas é tamén nexo común a varias das pezas creadas para esta exposición, entre as que poderemos atopar desde un espazo que mestura vídeo, fotografía e pintura –con tres destacados creadores galegos como son o cineasta Juan Lesta, o fotógrafo Damián Ucieda e o artista plástico Vítor Mejuto– ou unha peza audiovisual que reúne o talento da poeta Estíbaliz Espinosa, a realizadora Lucía Estévez e o físico Carlos Salgado na creación dunha abraiante obra capaz de entretecer a exploración do cosmos coa pintura de Maruja Mallo.

A mostra poderá ser visitada ata o 23 de abril, de luns a sábados de 17,30 a 20,30 horas e con acceso de balde.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha